AS CONSELLERÍAS DE SANIDADE E DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES IMPULSARÁN O RECOÑECEMENTO DAS COMPETENCIAS PROFESIONAIS DO PERSOAL DE XESTIÓN E SERVIZOS DO SERGAS
15 02 2024

Como se informou ás organizacións sindicais na reunión da Mesa Sectorial do pasado 30 de xaneiro, as Consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades veñen de asinar un convenio para impulsar a formación profesional no ámbito sanitario.

Ademais doutros campos de colaboración, como a actualización da formación do profesorado, a realización de proxectos de innovación tecnolóxica e didáctica ou o impulso da formación profesional dual, o convenio inclúe unha liña de colaboración en materia  de recoñecemento de competencias profesionais.

Respecto a este particular -a colaboración en materia de recoñecemento de competencias profesionais- hai que partir de que o sistema de formación profesional, ademais de impartir formación, ten asignada a función de acreditar oficialmente a cualificación ou competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou vías non formais de formación.

Esta é a web da Xunta dedicada ao sistema de acreditación de competencias: 

Aquí entra en xogo a “unidade de competencia” como o agregado mínimo de competencias profesionais susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. Desta forma, a Consellería de Educación vén publicando a súa “Oferta de unidades de competencia por familia profesional”:

Así, a título de exemplo, no anterior enlace pode comprobarse que as unidades de competencia que se acreditan no ámbito da documentación e administración sanitarias serían as seguintes:

UC2072_3 Xestionar os arquivos de documentación e as historias clínicas.

UC2073_3 Desenvolver e normalizar o tratamento documental e o sistema de información clínico-asistencial

UC2074_3 Extraer os termos clínicos e de procedementos diagnósticos e/ou terapéuticos da documentación clínica

UC2075_3 Codificar os datos clínicos e non clínicos extraídos da documentación sanitaria.

UC2076_3 Realizar procedementos administrativo-clínicos na xestión de pacientes de atención primaria e atención especializada.

UC2077_3 Explotar datos clínicos e non clínicos para o sistema de información clínico-asistencial, o control de calidade e a investigación.

E vinculadas á “asistencia documental e de xestión en despachos e oficinas”, tamén poderían acreditar as seguintes unidades de competencia:

UC0987_3 Administrar os sistemas de información e arquivo en soporte convencional e informático

UC0986_3 Elaborar documentación e presentacións profesionais en distintos formato.

Por outra parte, as unidades de competencia susceptibles de acreditación relaciónanse con determinados módulos da formación profesional. As anteriores, en concreto, relaciónanse coa titulación de “documentación e administración sanitaria”. En consecuencia, quen ten acreditada unha unidade de competencia, ademais de mellorar a súa posición no mercado laboral, terá a posibilidade de validar determinados módulos da formación profesional.

Sobre esta base, no convenio asinado as consellerías comprométense a traballar conxuntamente en procesos que faciliten ao persoal do Sergas o acceso ao sistema de acreditación de competencias. Desta forma, as dúas consellerías porán en marcha procedementos para que o persoal do Sergas, en función da súa experiencia e formación, e co asesoramento e acompañamento que precise, poida acreditar determinadas competencias profesionais.  

Este recoñecemento de competencias profesionais será un instrumento importante no  desenvolvemento profesional do persoal xa que, por unha parte, poderá facilitar o seu acceso a unha titulación de formación profesional convalidando determinados módulos da mesma; e por outra, o propio Sergas podería valorar as competencias recoñecidas como un instrumento de desenvolvemento e promoción dentro dos seus cadros de persoal.

Neste intre, xa está a traballarse coa Consellería de Educación na análise dos módulos que poderían chegar a acreditarse ao persoal de xestión e servizos, comezando co persoal da función administrativa que traballa nas unidades de admisión ou o persoal de servizos xerais de atención primaria.

Da execución do convenio darase debida conta na Mesa Sectorial, na que tamén se tratarán as posibles consecuencias favorables que en diversas materias se poidan outorgar ás competencias que finalmente sexan recoñecidas (por exemplo, en materia de carreira, desenvolvemento ou promoción profesional). E isto sobre a base de conciliar os intereses dos diversos colectivos profesionais afectados (incluído o persoal titulado).

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde