A XUNTA INVISTE MÁIS DE 7,7 M€ NA ASISTENCIA A PACIENTES CON TRASTORNOS RELACIONADOS CON SUSTANCIAS ADICTIVAS
15 02 2024

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dos convenios de colaboración entre o Sergas e nove entidades sen ánimo de lucro, para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, até acadar os 7.764.100 euros. 

En concreto, a Xunta destinará ao convenio coa Asociación Unidade de Tratamento do Alcol e Condutas Adictivas (Utaca) unha partida de 244.130 euros; coa Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal) 251.415 euros; coa Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra 141.776 euros; e coa Asociación As Burgas para o Tratamento e Rehabilitación do Enfermo Alcohólico 221.529 euros.

Así mesmo, achegará 1.196.770 euros á Fundación Monte do Gozo para o desenvolvemento do programa terapéutico-educativo "Proxecto home"; á Asociación Cidadá de Loita contra a Droga da Coruña (Aclad) 2.029.228 euros; á Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) 1.124.473 euros; á Asociación Cruz Vermella de Lugo 747.763 euros e; á Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Alborada) de Vigo, 1.807.016 euros.

En todos estes convenios, unha vez que se proceda á sinatura dos mesmos, e sempre que a actividade comezase previamente, as asociacións poderán solicitar pagamentos anticipados, que suporán entregas de fondos con carácter previo á súa xustificación por un importe dun máximo do 30 % da contía total do convenio.

Na actualidade, as adiccións son consideradas unha enfermidade que require dun tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben, solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, para que poidan avaliar cada un dos casos, e derivaralos aos centros que procedan.​

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde