O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde a xornada “Allanando la complejidad del dolor oncológico abdomino-pélvico”, un evento que organiza a Sociedade Española da Dor (SED)e que reunirá a especialistas deste ámbito durante dous días en Ourense.
Así, durante o acto inaugural, o responsable do sistema sanitario galego puxo en valor a nova Estratexia de Calidade e Seguridade do Paciente (2024-2028), coa que a Xunta de Galicia promove os coidados e a atención á dor.
Acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; e a presidenta da Sociedade Española da Dor (SED), María Madariaga; García Comesaña situou nun lugar prioritario das políticas sanitarias da Xunta a atención á dor, cualificando como “fundamental” o reactivar as comisións clínicas da dor nas sete áreas sanitarias, os seus grupos de traballo, así como a participación dos pacientes.
Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que a Estratexia de Calidade e Seguridade do Paciente (2024-2028) conten unha liña de traballo específica para a abordaxe da dor e que nela, se establecen as accións, indicadores e obxectivos para mellorar a atención que o Servizo Galego de Saúde lle achega á poboación.
A totalidade dos hospitais da rede pública galega contan con cadansúa unidade da dor e, segundo explicou o titular da Sanidade galega, “durante os últimos cinco anos, o Sergas rexistrou máis de 37.000 consultas nestas unidades”.
Comesaña tamén incidiu na importancia de que os indicadores da dor formen parte, cada ano, dos Acordos de Xestión que o Sergas asina coas sete áreas sanitarias, e destacou o importante papel que xoga a plataforma tecnolóxica TELEA no seguimento de pacientes oncolóxicos que sofren dor crónica.
O salón de actos do Centro cultural Marcos Valcárcel (Ourense) acollerá durante as xornadas de hoxe e mañá, a especialistas chegados de toda España para abordar as últimas novidades na diagnose, tratamento e seguimento, dos pacientes co dor oncolóxica abodimino-pélvica.
Deste xeito, responsables de Unidades da Dor de diferentes centros sanitarios a nivel nacional, oncólogos, e expertos en rehabilitación e psicoloxía clínica compartirán as súas experiencias levando a cabo mesas de diálogo e relatórios centrados no coidado deste tipo de doenzas.