O 061 DE GALICIA ASISTIU 83 PERSOAS POR 53 ACCIDENTES DE TRÁFICO DURANTE A FIN DE SEMANA
06 05 2024

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 83 persoas debido a 53 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 3 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 5 de maio. O sábado e o domingo foron os días que rexistraron máis sinistros, con 20 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 68 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 53 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 83 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 50% e do 50% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 21 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

17

Lugo

6

Ourense

9

Pontevedra

21

Galicia

53


Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 78. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 61 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en oito accidentes.

En 80 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en tres ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde