GÓMEZ CAAMAÑO REMARCA A IMPORTANCIA DE INTEGRAR A INNOVACIÓN TECNOLÓXICA, A INTELIXENCIA ARTIFICIAL E A MEDICINA DE PRECISIÓN NA ATENCIÓN AO PACIENTE
20 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou hoxe a importancia de integrar a innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a medicina de precisión na atención ao paciente. 

O titular de Sanidade da Xunta visitou esta mañá as dependencias da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), na compaña da secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato, e do xerente Antonio Fernández-Campa, onde salientou que un dos obxectivos nesta lexislatura será a integración, dunha maneira racional, da innovación tecnolóxica e farmacolóxica, así como da medicina de precisión e da intelixencia artificial no sistema sanitario galego. 

ACIS é o organismo do sistema sanitario público de Galicia responsable da transferencia óptima do coñecemento en saúde, desde a súa orixe e ata chegar á sociedade. Para acadar este propósito, a axencia integra a formación dos profesionais sanitarios, a investigación sanitaria, a innovación e a avaliación de tecnoloxías para, deste xeito, garantir a aplicación das súas novidades, baixo criterios de máxima seguridade.

Durante a visita, o conselleiro de Sanidade puxo en valor a investigación para acadar un sistema sanitario público forte e orgulloso de si mesmo, que coide aos seus traballadores, de calidade e máis eficiente.

A Xunta aprobou, en decembro do pasado ano, a integración no sector público autonómico das tres fundacións de investigación sanitaria coas que conta a nosa Comunidade. Esta incorporación enmárcase dentro dun conxunto de medidas adoptadas polo Executivo galego para fortalecer as estruturas de investigación, ademais de mellorar as condicións e a estabilidade do seu persoal dentro do ámbito sanitario. 

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde