Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Sanidade acorda coas organizacións sindicais a ampliación da carreira profesional ordinaria ao persoal estatutario substituto de larga duración
16 10 2018

​O Servizo Galego de Saúde e os sindicatos asinaron hoxe en Mesa sectorial o acordo de modificación do Pacto de selección de persoal estatutario temporal do Sistema Público de Saúde de Galicia, a efectos de facilitar que o persoal substituto de larga duración poida optar a nomeamento de interino e, ao mesmo tempo, poida acceder ao sistema de carreira ordinaria. Este acordo beneficiará a uns 1.500 traballadores.

Deste xeito, a Administración cumpre co compromiso adoptado neste sentido cos sindicatos CIG, CEMS-O´MEGA, UGT, CSIF E SASTE.
 
Así mesmo, xa se teñen constituído nas xerencias os comités de avaliación dos méritos dos aspirantes, conforme ao acordo de carreira.
 
Carreira profesional
O Sergas estableceu as bases da carreira profesional logo do acordo ao que chegou o cos sindicatos na reunión da Mesa sectorial do pasado 6 de xullo.
 
O documento blinda a equiparación plena dos dereitos recoñecidos de médicos, persoal de enfermería e resto do persoal sanitario e non sanitario. Tamén blinda o pleno recoñecemento económico dos mesmos dereitos para o persoal interino, que por primeira vez vai acceder ao recoñecemento da carreira profesional. Esta medida sitúa a Galicia como unha das comunidades autónomas que recoñece carreira ao persoal interino, con plenitude de dereitos e ao mesmo nivel que o persoal fixo.
 
A carreira profesional estrutúrase nun grao inicial (ao que poderá acceder o persoal fixo da categoría, o persoal interino en praza vacante e o persoal fixo doutra categoría que está a desempeñar unha praza vacante por promoción interna temporal) e catro graos.
 
O ciclo completo dos 4 graos para persoal licenciado sanitario é de 22 anos, o que sitúa a Galicia por baixo doutras comunidades como Cataluña ou País Vasco, nas que se requiren 25 anos para completar o ciclo.
 
Para o resto dos colectivos (persoal diplomado/graduado sanitario, sanitario de FP e persoal de xestión e servizos) contémplase un periodo de 24 anos. Esta duración sitúa a Galicia na media do resto dos servizos de saúde.
 
Nas bases de carreira ordinaria contémplase un sistema transitorio de encadre para o acceso a un grao máis, e, así mesmo, unha flexibilización nos requisitos para o acceso a un seguinte grao que vai permitir ao persoal que concurra á carreira profesional o recoñecemento de dous graos en dous anos. Este réxime transitorio de encadramento é para o persoal fixo que durante os anos da crise económica veu paralizada a posibilidade de progresar nos graos.
 
O obxectivo do sistema de carreira profesional é recoñecer a achega dos profesionais á mellora da calidade dos servizos sanitarios públicos; distinguir aos profesionais outorgando un recoñecemento obxectivo á súa competencia profesional individual; xerar máis corresponsabilidade e fomentar a cultura do compromiso co sistema sanitario público, promovendo a actualización dos seus coñecementos e competencias e a mellora da súa cualificación.
 
A carreira profesional é voluntaria, personalizada, progresiva, avaliable, transparente, aberta, irreversible, actualizable e homologable. Independente do posto de traballo que se ocupe, obter un grao de carreira determinado non implica que o profesional cambie de posto de traballo nin a actividade que desenvolve.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss