Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O Sergas adxudica destino definitivo aos aspirantes seleccionados na OPE de 46 categorías de persoal facultativo e de xestión e servizos
20 12 2018

O Servizo Galego de Saúde comezou hoxe a adxudicar destino aos aspirantes que superaron o proceso selectivo para o acceso ás distintas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, correspondente á convocatoria 2016-2017. Neste ocasión adxudícanse 399 prazas

O acto de elección de destino, ao que asiste o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña vaise levar a cabo entre a tarde de hoxe, para os facultativos especialistas de área, e a de mañá para o resto dar prazas. Na primeira fase de hoxe, foron convocados os 129 aspirantes seleccionados nas especialidades de análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía plástica, estética e reparadora, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia e inmunoloxía.
 
A continuaciónforon convocados os aspirantes dos 139 destinos das especialidades de medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, oncoloxía radioterápica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico e uroloxía.
 
Na xornada de mañá, horas escollerán destinos os 131 aspirantes seleccionados das categorías de médico de admisión e documentación clínica, médico de urxencias hospitalarias, médico coordinador e asistencial do 061, odontólogo e pediatra de atención primaria, técnico superior de prevención de riscos laborais, traballador social, técnico de xestión e especialista de sistemas e tecnoloxías da información.
 
O  67,17% dos profesionais convocados son mulleres e un total de 365 xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, o que representa unha porcentaxe do 91,48%. A media de idade dos aspirantes sitúase en 42 anos.
 
Por centros, as estruturas organizativas de xestión integrada de Ourense e Lugo concentran o maior número de destinos ofertados, cun total de 72 e 64 respectivamente.
 
Plan de estabilidade
O Plan de Estabilidade, asinado en abril do 2017, permitiu dar seguridade a máis de 800 profesionais. Esta medida, complementada xunto coas ofertas anuais, está a permitir acadar o obxectivo de reducir a un 5% a porcentaxe de persoal eventual, tres puntos por debaixo do 8% anunciado polo Ministerio de Facenda para reducir a temporalidade dos empregados públicos.
 
Cómpre tamén sinalar que Galicia, ademais de esgotar ao 100% a taxa de reposición, é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais das OPE, o que permitirá no horizonte 2017-2020 que arredor de 5.000 persoas accedan a unha praza estable. O número de profesionais incrementouse en 1.544 desde 2008. 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss