Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Sanidade traballa en medidas a curto, medio e longo prazo para afrontar o envellecemento poboacional e a dificultade para dispoñer de profesionais especialistas
05 01 2019

​A Consellería de Sanidade está a traballar nunha serie de medidas a curto, medio e longo prazo para afrontar o envellecemento poboacional e tentar dar resposta á escaseza de profesionais especialistas en atención primaria, un problema que afecta non só ao sistema sanitario galego, senón que é común ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Entre as medidas específicas xa adoptadas polo departamento autonómico que dirixe Jesús Vázquez Almuiña destaca a flexibilización da prórroga no servizo activo, máis alá da idade de xubilación. Neste senso,  un total de 116 médicos de familia e 20 pediatras acolléronse dende o 2016 á prórroga de permanencia no servizo activo, máis alá da idade de xubilación (fixada aos 65 anos).
 
A flexibilización da prórroga no servizo activo é só unha das medidas xa adoptadas no Sergas en materia de recursos humanos coa que o departamento autonómico sanitario busca  tamén dar resposta aos retos do envellecemento poboacional e á cronicidade das patoloxías en Galicia.
 
A aposta do Sergas por reforzar a Atención Primaria tamén se materializa nas OPEs dos últimos anos. Neste senso, no período comprendido entre 2013-2018, ofertáronse neste primeiro nivel asistencial un total de 377 prazas de médicos de familia, 68 prazas de pediatras de atención primaria, 75 prazas de PSX (persoal de servizos xerais) e 20 prazas de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria.
 
A creación e implantación efectiva da categoría de enfermeiro especialista, na que se inclúen á de enfermería familiar e comunitaria, e a enfermería pediátrica, sendo Galicia unha das poucas autonomías en crear esta categoría, así como a incentivación á docencia pos-graduada e as melloras nas condicións laborais dos profesionais do Sergas en xeral (como a devolución paga extraordinaria, complemento específico, implantación da carreira profesional ordinaria, melloras de conciliación na vida laboral e familiar nas listas de contratación a través dun novo pacto de contratación ou a implantación do sistema ACUDE en materia de violencia laboral de orixe externa) son outras das medidas específicas en materia de recursos humanos xa adoptadas pola Consellería.
 
Outras das medidas que está a tomar o Sergas é o incremento da oferta de prazas MIR. No 2018 realizouse a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos, con 404 prazas, aumentando a 105 as prazas para médico de familia, un 14,1% máis que en 2016.
 
A implantación do concurso de traslado aberto e permanente, de carácter anual, posibilita non só unha maior axilidade na xestión e resolución dos concursos de traslados, senón que permite atraer a profesionais doutros servizos de saúde e dar cobertura das prazas vacantes con carácter anual. Neste senso, o número de prazas convocadas de médico de familia no último concurso de traslados aberto e permanente foi de 409 e 103 pediatras de atención primaria.
 
O Servizo Galego de Saúde tamén está a estudar, no ámbito de atención primaria, o establecemento de novas fórmulas contractuais para dar maior estabilidade e fidelización de médicos de familia e pediatras.
 
Novo modelo de Atención Primaria
De cara a sentar as bases que permitirán reformular o modelo de atención primaria, a Consellería de Sanidade manterá a partir do vindeiro martes, día 8, encontros cos profesionais e cos colectivos implicados, para avanzar cara un novo modelo de atención primaria acorde coas necesidades e os novos retos de futuro.
 
Os profesionais poderán remitir entre o 7 e o 31 de xaneiro a súas propostas e medidas a corto, medio e longo prazo, dentro do proceso de redefinición, que a través dos seis grupos acordados, configurará o novo modelo de atención primaria en Galicia. As conclusións e as liñas mestras, así como as primeiras accións a desenvolver, derivadas de todo o proceso, estarán definidas na primeira quincena do mes de febreiro. 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss