Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Sanidade prorroga a campaña de vacinación da gripe ata o 25 de xaneiro
06 01 2019
A Consellería de Sanidade decidiu prorrogar ata o vindeiro día 25 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe, que se está desenvolvendo en Galicia baixo o lema “Contaxia a túa enerxía e non a gripe” dende o pasado 22 de outubro.
 
Dende a Consellería de Sanidade lémbrase que este ano en Galicia estase a retardar a chegada da onda gripal e polo tanto todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito, aínda están a tempo de vacinarse. Para ilo poden acudir a algún dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade, coma os centros  de saúde e os hospitais do Servizo Galego de Saúde. Tamén en centros sanitarios privados ou residencias da terceira idade entre outros.
 
Dende esa data e ata o día de hoxe vacináronse un total de 553.000 persoas, o que supón uns 23.000 vacinados máis que na mesma data do ano pasado. No caso concreto das persoas de 65 ou máis anos, un dos grupos de risco nos que a vacina está especialmente indicada, o número de vacinados é xa de 388.500. Nestas datas de 2018 a cifra para este grupo de idade era de 6.600 vacinados menos. Se continúa esta tendencia, ao remate da campaña poderíase falar de que se superaría o 57,96% de cobertura vacinal do pasado ano na poboación galega de 65 ou mais anos.
 
Xunto á mellora das coberturas na poboación xeral, Sanidade subliña o aumento do número de vacinados entre os profesionais sanitarios,  case un 30% máis que o ano pasado, segundo os datos provisionais manexados. Deste xeito consolídase a tendencia dos últimos anos pola que os profesionais sanitarios van incrementando a súa confianza nesta vacinación.
 
É necesario destacar tamén o elevado incremento de vacinación das mulleres embarazadas, cun ascenso cercano ao  70% con respecto á campaña de 2017. Isto é debido, probablemente, a unha maior concienciación da importancia desta enfermidade no embarazo por parte das mulleres e dos profesionais sanitarios que as atenden.
 
Últimos datos epidemiolóxicos
A Consellería de Sanidade lembra que o principal obxectivo desta campaña de vacinación é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, procurando diminuír o número de casos e a gravidade das complicacións derivadas de padecela. Aínda que non empezou a onda gripal deste ano, os últimos datos epidemiolóxicos publicados amosan xa 35 ingresos hospitalarios por esta enfermidade dos que 7 tiveron que ingresar na UCI.
 
Para máis información poden consultar a web temática da campaña (https://gripe.sergas.es), como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información actualizada. 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss