Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O director xeral de asistencia sanitaria destaca na comisión de investigación de sanidade a evolución da xestión da Consellería
09 01 2019

​O director xeral de asistencia sanitaria,  Jorge Aboal, presentou hoxe os resultados de xestión da Consellería nestes últimos anos no marco da comisión de investigación de Sanidade que se está a levar a cabo no Parlamento. Aboal destacou a constante evolución na xestión sanitaria do Servizo Galego de Saúde como a razón principal da mellora dos resultados.

No referido á área cirúrxica, Jorge Aboal destacou dous dos eixos da Estratexia Sergas 2020 como son a mellora da saúde da cidadanía e a utilización dos recursos cirúrxicos. Así, a 30 de xuño de 2018, o tempo medio de espera para unha cirurxía no Servizo Galego de Saúde foi de 59,8 días, o mellor datos dos últimos 13 anos. En canto aos pacientes en lista de espera cirúrxica, había 1.543 menos  que na mesma data de 2017 (36.361 e 37.904 respectivamente). Comparando co resto de España, Galicia é a cuarta comunidade autónoma con menor tempo de espera cirúrxica: a media no Sistema Nacional de Salud (SNS) foi de 93 días, 33,2 días máis que no Sergas.
 

O director xeral de asistencia sanitaria, sinalou tamén a evolución positiva dos datos da área de consultas de enfermidade, debido ao incremento da capacidade resolutiva dos profesionais grazas a Ianus, a consulta telefónica, a consulta de alta resolución e-interconsultas e as vías rápidas. No caso concreto das vías rápidas de cancro, Galicia tiña implantadas en 2018 as do cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, melanoma e cabeza e colo. En canto ao tempo medio de espera de primeiras consultas de enfermidade de atención hospitalaria, foi de 37,3 días no Sergas. Este é o segundo mellor dato dos últimos 11 anos e é  20 días mellor que no SNS, onde a media foi de 57 días. Estes números converten a Galicia na quinta comunidade autónoma co menor tempo medio de espera para as consultas hospitalarias de enfermidade.
 
Respecto á área diagnóstica, Aboal referiuse de novo a Estratexia Sergas 2020 que fai fincapé en incrementar o grao de resolución con medidas como a extensión da telemedicina e o traballo en rede, o deseño de protocolos conxuntos para a petición de probas e a maior accesibilidade a probas diagnósticas dende o centro de saúde. A 30 de xuño de 2018, o Servizo Galego de Saúde tiña un tempo medio de espera de probas de 59,1 días, 10 días menos que en xuño do ano anterior. Así mesmo o número de pacientes en espera para probas diminuíu en 5.538 persoas.
Tamén fixo referencia Jorge Aboal ao Decreto de Garantía de tempos máximos de atención hospitalaria, que de xaneiro a novembro de 2018 beneficiou a 40.691 pacientes: 10.465 en cirurxía, 15.320 en consultas externas  e 14.906 en probas diagnósticas.

O director xeral de asistencia sanitaria mencionou ademais o programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (IAM) que na actualidade ten 2.724 pacientes rexistrados. Os resultados galegos en canto a mortalidade a 30 días mellora o indicador de calidade proposto pola Sociedade española de cardioloxía. Xunto a esta iniciativa, Aboal destacou o funcionamento do Plan de asistencia ao ictus (Plan ictus), o Plan de asistencia á sepse (Código sepse), e a atención integral aos paciente con dor entre outras iniciativas da Consellería de Sanidade de cara a mellorar a asistencia sanitaria da poboación galega. Jorge Aboal rematou a súa intervención facendo mención á elevada cantidade de certificacións internacionais en relación aos procedementos de calidade e seguridade na asistencia sanitaria no Servizo Galego de Saúde.
 

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss