Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Almuiña visita as obras de construción do centro de saúde do Milladorio que marchar a bo ritmo e anuncia melloras para o centro de saúde de Bertamiráns
05 02 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro, no concello de Ames, nas que a Xunta de Galicia vai investir 2,3 millóns de euros, dentro do seu plan de potenciación da atención primaria. Os traballos, que marchan a bo ritmo, teñen un prazo de execución de 17 meses. O futuro centro de saúde disporá dunha superficie construída de arredor de 2.100 metros cadrados. Ademais, visitou o centro de saúde de Bertamiráns, que, segundo Almuiña, tamén será reformado con obras que se iniciarán este ano de ampliación de espazos e de incremento da confortabilidade. Estas dúas iniciativas enmárcanse dentro do plan de mellora do primeiro nivel asistencial que está a levar a cabo o Goberno galego.

O novo centro de saúde do Milladoiro está composto basicamente dun andar, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén un andar -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O centro de saúde contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería, unha para farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras tres salas polivalentes. Polo que atinxe a área pediátrica, terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde.

O centro terá, así mesmo, unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social e unha área de persoal, e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. O proxecto de construción propón un esquema de espiña de peixe, con patios arborizados, o que permite unha boa disposición, garantindo ventilación e iluminación natural en todas as dependencias, á vez que optimiza os percorridos de circulación.
 

Este novo centro, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños e veciñas de Ames.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss