Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Sanidade destaca o gran aumento de traballadores sanitarios vacinados fronte á gripe cunha cobertura do 46,04%
07 03 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vazquez Almuiña, avanzou os primeiros resultados da campaña de vacinación antigripal 2018/2019, que se desenvolveu entre o 22 de outubro ata o 25 de xaneiro. Almuiña destacou “os excelentes resultados na cobertura dos propios profesionais sanitarios, principais actores da campaña, é un motivo de dobre satisfacción, situándose este ano nun 46,04 %, máis de 6 puntos por encima do obxectivo marcado do 40 %”.

A atención primaria situouse no 55,27%, moi por riba do obxectivo pmarcado do 40%, e a atención hospitalaria tamén supera o obxectivo cun 42,01%, e experimenta unha subida de 6 puntos respecto ao ano anterior. Se analizamos os datos por categoría profesional, a enfermería de atención primaria sitúase nun 60,23 %, e o persoal médico tanto de primaria como hospitalaria sitúase no 51%.
 
Segundo os datos avanzados polo conselleiro de Sanidade, tamén aumenta a vacinación nos maiores de 65 ou máis anos, situándose en 58,62%, é dicir, máis de medio punto que o ano anterior e cunhas 8.500 persoas máis vacinadas neste grupo. Ademáis, lógrase superar o obxectivo marcado do 65% na poboación de 75 ou máis anos, os máis fidelizados a esta vacinación.
 
Destaca tamén o gran ascenso da cobertura en mulleres embarazadas, que dobra os resultados da anterior campaña e sitúase nun 52,22%, 12 puntos por enriba do obxectivo establecido do 40%.
 
O conselleiro de Sanidade, que avanzou estes datos no transcurso das IX Xornadas Seqirus de actualización en gripe, falou tamén “da relevancia das consecuencias desta enfermidade para o sistema sanitario e para a nosa sociedade que xustifican o esforzo persoal e orzamentario que se realiza todos os anos, a aposta de Saúde Pública e, no noso caso, do  Servizo  Galego  de  Saúde co obxectivo de superar os resultados de anos anteriores, apostando por melloras técnicas, loxísticas e de información que impliquen e motiven a todos os profesionais sanitarios”. Neste senso, destacou a planificación da campaña de vacinación deste ano e agradeceu “a implicación e o bo traballo de tantos profesionais que se comprometen con esta campaña”.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss