Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A Xunta de Galicia adxudica a construción do novo centro de saúde do Saviñao por un importe de 1,12 millóns de euros
11 03 2019

​A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, ven de adxudicar a construción do novo centro de saúde do Concello do Saviñao (Lugo), que se emprazará no lugar de Escairón, por un importe de 1.125.135 euros. A empresa adxudicataria do concurso público foi COPCISA, S.A., e o prazo máximo de execución da obra é de 12 meses.

O novo centro de saúde do Saviñao, situarase nunha parcela de 2.060 metros cadrados, cedida polo Concello ao Servizo Galego de Saúde. O novo edificio sanitario pasará de ter unha superficie de 562 metros cadrados ata os 745 metros cadrados, o que amplía nun 33% o espazo actual.
 
A nova infraestrutura sanitaria, segundo o proxecto presentado xa hai uns meses, disporá na área de medicina e enfermería, dun total de 6 consultas, das que tres serán de medicina xeral e tres de enfermería, ademais dunha sala de toma de mostras de uso polivalente.
 
Polo que atinxe á área pediátrica, haberá unha consulta de pediatría e outra de enfermería de pediatría. Ademais das consultas, o novo centro contará con sala de xuntas, á que hai que engadir os espazos para arquivo de historias clínicas, recepción, almacéns, vestiarios, entre outras dependencias. Atenderá a unha poboación de arredor de 2.800 tarxetas sanitarias.
 
A construción do novo centro de saúde do Saviñao dá resposta ao compromiso asumido de continuar coa mellora da accesibilidade dos dispositivos de atención primaria e de incrementar a capacidade resolutiva dos facultativos mediante a dotación de equipamento e o redimensionamento dos centros de saúde. De feito, a nova infraestrutura do Saviñao procura unha maior funcionalidade contribuíndo a mellorar a calidade da atención sanitaria que se presta á cidadanía deste concello, así como a mellorar os espazos de traballo dos profesionais. 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss