Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O Sergas publica os resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de xestión e servizos
21 03 2019
​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación definitiva coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario do sistema público de saúde de Galicia: albanel, carpinteiro, celador, cociñeiro, costureiro, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro, pasador de ferro, perruqueiro, pinche e telefonista. En total, xeráronse 23.047 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración. A categoría con maior número de solicitudes é a de celador, con 8.982 inscricións. O 21,24% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso. Só resultaron excluídas do proceso o 1,16% das solicitudes de participación.
 
As listas definitivas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola persoa aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. As listas entrarán en vigor con efectos do día 22 de marzo de 2019.
 
Próximas publicacións
Está previsto que proximamente se publiquen os resultados provisionais do proceso de actualización de listas das seguintes categorías: persoal médico de familia, médico de urxencias hospitalarias, pediatra de atención primaria, enfermeiro, enfermeiro especialista en enfermaría do traballo, enfermeiro especialista en saúde mental, enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, enfermeiro especialista en obstetricia e xinecoloxía, enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria e persoal de servizos xerais. 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss