Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Sanidade impulsará a doazón de sangue no marco do Campeonato de Europa de Baloncesto en cadeira de rodas
12 04 2019

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García, detallou hoxe, nunha rolda de prensa celebrada no local de doazón de sangue do Hospital Nicolás Peña, os actos de promoción da doazón de sangue que o seu departamento, en colaboración con AMFIV, a Irmandade de doadores de sangue e a Asociación de doadores e receptores de órganos (ADROVI), van levar a cabo con motivo do Campeonato de Europa de Balonceso en cadeira de rodas, competición que organiza AMFIV, e que se celebrará na cidade olívica do 26 ao 28 deste mes. No acto estiveron presentes, tamén, o presidente de AMFIV, José Antonio Beiro; o de ADROVI, Celso García, e o da Irmandade de doadores, Manuel Fonseca

Así, ao abeiro desta competición deportiva, a unidade móbil de doazón de sangue estará ubicada o luns, 22 de abril, de 9,30 a 14,30 e de 15,30 a 21 horas na Rúa Príncipe. Ademais, instalarase unha mesa informativa ao carón da unidade móbil que contará coa presenza da persoa responsable da promoción da doazón, e con voluntarios da Irmandade e de ADROVI.
 

Xunto ao anteriormente sinalado, instalarase unha canasta para que as persoas que pasen pola Rúa Príncipe poidan facer lanzamentos á cesta en cadeira de rodas. Igualmente, obsequiarase cunha entrada gratuíta para ver os partidos do Campeonato de Europa a todas as persoas que acudan a doar sangue nese día na unidade móbil e no local de doazón.

Asemade, sortearanse 20 camisetas do club AMFIV entre as persoas que acudan a doar sangue ese día e a Irmandade tamén entregará mochilas aos 50 primeiros doadores que acudan á unidade móbil.

Sensibilización
A Consellería de Sanidade lembra que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida á cidadanía e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a desenvolver iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.
 

Para iso, pon a disposición das galegas e galegos a súa web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.es; o teléfono de información gratuíto; 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais, como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

Cómpre lembrar que pode doar sangue calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.

Os períodos vacacionais e as pontes festivas, como o que agora se achega de Semana Santa, precisan dun reforzo no chamamento á participación dos cidadáns xa que, nestas épocas, pode baixar o número de doazóns pero non sucede o mesmo coa demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios. Neste sentido, lembrar que, todos os días do ano, precisamos entre 400 e 500 doazóns de sangue para garantir os compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss