Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
Un total de 55 profesionais de recoñecido prestixio formarán parte do Consello Técnico de Atención Primaria
14 05 2019
O Consello Técnico de Atención Primaria constituíuse esta tarde cun total de 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario. O nomeamento dos membros do Consello terá unha duración de tres anos e o pleno do consello reunirase, polo menos, dúas veces ao ano, ou a requirimento da presidencia ou dun terzo dos seus membros.
 
A constitución do Consello Técnico de Atención Primaria ratifica o compromiso adquirido por Sanidade de facelo na primeira quincena de maio. A súa creación está enmarcada no cumprimento dos acordos acadados entre Sanidade e as organizacións sindicais o pasado día 8, logo do proceso iniciado por Sanidade para poñer en marcha un novo modelo do primeiro nivel asistencial.
 
Considérase necesaria a creación deste Consello que, cun carácter permanente, realice funcións en relación con aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria, dende unha visión multidisciplinar, que se reflicta na súa composición e que poida aconsellar e tratar os programas e medidas a desenvolver neste proceso. Neste senso, no organismo están representados os colexios profesionais do ámbito sanitario, as sociedades científicas, as organizacións sindicais, asociacións, entidades locais e os usuarios, entre outros.
 
Membros do Consello
O Consello está presidido polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández Campa, e conta con vogais a proposta de Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria; da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia; da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria; da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria; da Sociedade Galega de Fisioterapeutas; da Asociación Española de Traballo Social e Saúde; da Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria de Galicia, así como un vogal a proposta de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de sanidade.
 
Tamén haberá un vogal a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias; das asociacións que forman parte do Consello Asesor de Pacientes; dos Colexios Oficiais de Galicia de Médicos, de Enfermería, de Farmacéuticos; de Fisioterapeutas; e de Traballadores Sociais. Asemade, no Consello están representadas as consellerías da Xunta competentes en materia de Educación e de Servizos Sociais; así como Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e os departamentos do Sergas de recursos económicos, humanos, formación e tecnoloxías da información.
 
Funcións do Consello Técnico
O consello está encargado da análise e avaliación das necesidades de recursos humanos no ámbito da Atención Primaria; a análise da mellora da súa capacidade resolutiva e da carteira de servizos; das liñas de xestión de procesos asistenciais de Atención Primaria e de propostas de mellora das relacións de Primaria coa Atención Hospitalaria; e o estudo e análise de propostas de nova organización da xestión do primeiro nivel asistencial.
 
Outras funcións do Consello serán elaborar programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación e asesorar ao Sergas nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria e sobre aspectos relacionados coa formación, docencia e investigación da Atención Primaria. Tamén analizará o Consello as liñas de xestión de procesos asistenciais de Primaria e de propostas de mellora das relacións entre Primaria e Hospitalaria.
 
Ademais da constitución do Consello Técnico, na reunión de hoxe, comezouse a traballar no seu regulamento e deuse conta dos acordos adoptados nas mesas sectoriais dos días 26 de abril e 3 de maio. Entre outros asuntos, nesas mesas sectoriais abordouse o incremento de 308 novas prazas para atención primaria co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional e a convocatoria inmediata dun total de 528 prazas en categorías de atención primaria. Tamén se abordaron diversas melloras para o nomeamento estatutario de continuidade, como a libranza ao día seguinte das gardas no PAC, a programación mensual fixada nun 80% e a equidade no reparto de gardas.
 
Na reunión desta tarde tamén se abordaron outras actuacións previstas dentro do Plan de Atención Primaria a corto, media e longo prazo.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss